Close

noviembre 9, 2020

Jesús Curros Neira inaugura o palmarés do Premio de Ensaio Camiño de Santiago

O funcionario compostelán concorreu ao novo certame da Academia Xacobea coa obra “Escenas, Imágenes y Sonidos del Camino”.

O xurado seleccionou este ensaio entre os 7 títulos presentados pola “posta en valor da visión e do aproveitamento de todo o relacionado co tema Xacobeo desde distintos ángulos culturais”.

Santiago de Compostela. Luns, 9 de novembro do 2020. A primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Consellería de Educación e Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a editorial Galaxia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo, estreouse cunha boa acollida e un gran nivel de calidade. Un total de 7 obras enviadas desde distintos puntos de España concorreron a este certame co que a entidade con sede en Santiago de Compostela afonda no seu afán de dar presenza ao Camiño e ao fenómeno xacobeo no eido da literatura.

Tras examinar e valorar todas as obras, o xurado acordou por unanimidade conceder o galardón a Escenas, Imágenes y Sonidos del Camino, o orixinal presentado polo funcionario da administración local compostelá Jesús Curros Neira. O xurado valorou a súa “posta en valor da visión e do aproveitamento de todo o relacionado co tema Xacobeo desde distintos ángulos culturais”, nun texto “elegantemente escrito, de fácil e amena lectura que, sen dúbida, captará a atención do lector desde as primeiras páxinas. A arquitectura, a literatura, non só a galega e española, senón toda a literatura universal, pasando pola música, tanto sagrada como profana, o cine, e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita nesta magnífica obra de ensaio.

Para Curros Neira, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, este non é o seu primeiro galardón na literatura. Con anterioridade xa fora premiado noutros certames como o Vieiragrino (2017), en Valencia, polo relato “La leyenda del diablo que viajaba en autobús”. Nese mesmo ano recibe pola súa novela curta “La Isla de hierro”, o premio Santoña… la mar. Outros tres relatos seus, “Desde un autobús”, “A las dos en punto de la tarde” e “Carretera a ninguna parte”, resultaron premiados no ano 2018 no XIII Concurso de Relatos de Viaxe da editorial Moleskin. En xuño do 2019 gaña o 10º Premio Internacional de Novela “Alcorcón Siglo XXI” coa novela “Hubo un tiempo mágico y distante”. Tamén ten publicado outros ensaios  como “Compostela, mil años de literatura”, no 2014, ou “La evolución urbana de Santiago de Compostela”, de 2017.

O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, como presidente do xurado; o decano de Filosofía, Marcelino Agís; María Josefa Sanz Fuentes, catedrática de Ciencias y Técnicas Historiográficas da Universidade de Oviedo; Eduardo López Pereira, catedrático de Filoloxía Latina da Universidade da Coruña; Francisco Castro, director de Galaxia, e o académico Ulises Bértolo, que actuou como secretario sen voto, foron os integrantes do xurado.

O gañador recibirá un premio económico de 3.000 euros e verá a súa obra publicada nunha edición bilingüe en galego e castelán.

A Academia Xacobea valora de xeito moi positivo a resposta dos autores á convocatoria deste novo galardón de ensaio, tal como sucedera xa no seu día cos premio de Novela e de Poesía Camiño de Santiago.