Close

marzo 12, 2020

A Academia Xacobea fomenta o pensamento co Premio de Ensaio Camiño de Santiago

O secretario xeral de Política Lingüística presidiu a presentación do novo galardón da institución, que se suma aos xa promovidos nos eidos da novela e a poesía

O certame esta dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada en castelán e galego pola Editorial Galaxia

Santiago de Compostela. 12 de marzo de 2020. A Academia Xacobea vén de dar o primeiro paso para completar a súa triloxía de certames literarios coa convocatoria da primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago. Este novo galardón súmase aos premios de novela e poesía organizados, respectivamente, nos anos 2018 e 2019 e enmárcase tamén no cumprimento dun dos principais fins fundacionais da institución que preside Xesús Palmou: a promoción do estudo, a investigación e a difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo.

O primeiro Premio de Ensaio Camiño de Santiago estará dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada en castelán e galego pola Editorial Galaxia. A presentación das súas bases tivo lugar esta mañá nas dependencias do Pazo de San Roque, de Santiago de Compostela, cun acto presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e no que tamén participaron o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e os membros da Academia Xacobea Ulises Bértolo, Isidro Garcia Tato, Eduardo López Pereira e Teresa Carballeira.

Na súa intervención Valentín García destacou o intenso e interesante traballo que ten desenvolvido na súa aínda curta existencia a Academia Xacobea, da que apuntou que xa se ten convertido nunha “plataforma de difusión da cultura xacobeo non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado español, de Europa e do mundo enteiro”. Ademais, incidiu na “importancia de estimular a produción ensaística en galego co fin de asegurarmos que a nosa continúa a ser unha lingua de cultura que lles ofrece aos seus falantes, e lectores, obras divulgativas sobre calquera tema e ámbito do saber”. “Este certame -explicou o secretario xeral- premiará obras centradas nunha realidade tan importante para Galicia como é o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo, que poderán ser abordadas desde perspectivas variadas e eidos do coñecemento moi diferentes”.

O secretario da Academia Xacobea, Ulises Bértolo, agradeceu a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e explicou que o premio será patrocinado pola empresa Aluminios Cortizo. Ademais, detallou que o prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 5 de setembro e que cinco personalidades do mundo de cultura serán as encargadas de examinar e valorar todos os orixinais. O seu fallo farase público o 19 de novembro e a entrega dos premios terá lugar a mediados do mes de decembro, nunha data que será dada a coñecer con antelación suficiente a través da web da Academia (www.academiaxacobea.gal). Nesa páxina poderanse consultar tamén as bases íntegras do certame. As obras presentadas deberán ser traballos orixinais e inéditos cunha extensión de entre 100 e 200 páxinas, que versen sobre o Camiño de Santiago ou o fenómeno xacobeo e presenten un estilo argumentativo co propósito de fixar posicións ao respecto.

Francisco Castro agradeceu á Academia Xacobea que volva confiar en Galaxia para este galardón e sinalou que para a editorial que dirixe “é moi importante” formar parte deste premio: “Este ano cumprimos o 70 aniversario de Galaxia e no noso logotipo está ese camiño estrelado que deseñou o noso añorado Xaime Isla e de algún xeito xa estaba recollido aí ese camiño que leva a Compostela”. Castro explicou que Galaxia naceu “para normalizar a cultura galega e unha das manifestación máis claras desa normalidade son os premios de ensaio, que non hai moitos”. Así, apuntou que a editorial xa promove o galardón Ramón Piñeiro e que a participación neste novo Premio de Ensaio Camiño de Santiago “é unha grande alegría”. Galaxia encargarase de publicar a obra gañadora tanto en galego (na colección Ensaio) como en castelán (na colección Mar Maior) “para que teña tamén a difusión que debe ter no resto do Estado”.

Tanto Francisco Castro como Valentín García celebraron tamén que que empresas como Aluminios Cortizo se impliquen de xeito activo neste tipo de iniciativas culturais.