Close

marzo 3, 2020

O reitor da Universidade de Vigo formaliza a súa incorporación á Academia Xacobea

Manuel Joaquín Reigosa destacou os vencellos dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra co Camiño e a  súa vontade de colaborar coas institucións que traballan nese eido

Román Rodríguez cualificou á Academia de herdeira “da mellor tradición intelectual europea” e sinalou que á incorporación do reitor é tamén un recoñecemento para Vigo, “a cidade máis importante do Camiño Portugués”

Vigo. 3 de marzo de 2019. A incorporación esta tarde do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, como académico honorario á Academia Xacobea completa os lazos coas tres universidades galegas desta institución non gobernamental e sen ánimo de lucro creada para estudar, investigar, promocionar e difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo, e supón un paso adiante máis no seu afán por cumprir cos seus valores de “solidariedade, fraternidade, concordia, esforzo compartido, convivencia, e procura dun ideal ou conciencia común europea, o europeísmo”. Así o explicou o seu presidente, Jesús Palmou, na apertura da sesión solemne celebrada no paraninfo da universidade viguesa tras destacar a “gran valía intelectual e profesional” de Reigosa e agradecerlle que como reitor converta a Universidade de Vigo “nun faro máis da Academia Xacobea”.

Reigosa agradeceu o seu nomeamento como académico honorario e dedicou a súa intervención a facer unha “pequena reflexión sobre os camiños que percorren as persoas na súa vida” desde os comezos mesmos dos tempos. A “alborada da humanidade” coa aparición de intelixencia, o afán de coñecemento, e a ansia de transcendencia e de inmortalidade foron desfilando na intervención do reitor e novo académico, quen lembrou que “a vida é unha viaxe é un camiño”. Reigosa explicou tamén que o fenómeno das peregrinacións está presente en todas as grandes relixións e que, aínda que no cristianismo hai diferentes destinos de peregrinación, “o Camiño de Santiago ten a singularidade de ter unido a cidadáns de toda Europa, de ter sido un espazo de intercambio cultural e de ser unha converxencia de camiños”. E facendo gala da súa condición de reitor, explicou que a Universidade de Vigo e os tres campus que a conforman (Vigo, Ourense e Pontevedra) están no Camiño de Santiago, así que mostrou tamén a súa vontade de colaborar con outras institucións dese mesmo eido e de traballar por unha sociedade máis igualitaria.

Outro membro da universidade viguesa, o catedrático emérito Jesús de Juana López, foi o encargado de dar resposta ás palabras do reitor destacando os méritos que o acreditan como novo académico, tanto pola súa extensa formación (licenciado e doutor en Bioloxía e catedrático en Fisioloxía Vexetal) como pola distintas responsabilidades organizativas que ten desempeñado na institución e pola súa ampla produción científica (participando en 15 proxectos nacionais e internacionais e publicando máis dun cento de artigos e unha decena de libros). Ademais, De Juana aproveitou a súa intervención para achegarse ao fenómeno das peregrinacións cara a Compostela desde a perspectiva do compoñente xeoestratéxico que estas tiveron para o impulso da cristiandade.

A sesión foi presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen tivo palabras de recoñecemento tanto para a Academia Xacobea como para Manuel Reigosa. Da primeira sinalou que é unha institución que “recolle a mellor tradición intelectual europea” e do segundo apuntou que a súa incorporación á Academia Xacobea é moi importante por tres razóns: “por ser un profesor de notable prestixio; por ser unha persoa honesta intelectualmente, e por ter unha idea clara da universidade que dirixe”. Rodríguez explicou que “é mais importante o saber que o ter, porque o coñecemento iguala e fai que ás persoas sexamos libres”. E explicou tamén que o feito de que o reitor vigués pase a formar parte da Academia Xacobea supón un recoñecemento para cidade de Vigo, “unha cidade moi xacobea que, ademais, é a cidade máis importante do Camiño Portugués, e esta é xa a segunda ruta cara a Compostela con máis peregrinos”. O conselleiro referiuse tamén á próxima celebración do Xacobeo 21, apuntando que espera que ao igual que sucede co Camiño de Santiago, ten que ser “un lugar onde caben todos, máis aló de personalismos e ideoloxías”, porque, segundo explicou, o “Camiño é sobre todo a orixe dos valores que nos definen como pobo, a herdanza que fala de quen fomos e quen somos”.

No acto, programado como sesión solemne de apertura do curso 2020 da Academia Xacobeo interveu asemade o académico e catedrático José Manuel García Iglesias para impartir unha lección maxistral sobre a presenza de Santiago O Maior nas catedrais do Camiño. Oviedo, Santo Domingo de la Calzada, Plasencia o Tui foron as basílicas que percorreu na súa intervención García Iglesias sinalando as particularidades de cada unha delas, pero apuntando tamén o nexo común que supón para todas elas a figura do Apóstolo Santiago e as peregrinacións cara a Compostela.