Close

diciembre 17, 2019

A Academia Xacobea premia a “brillante imaxinería poética” e a “capacidade simbólica” de Domingo Tabuyo

O autor e profesor do IES Asorey, de Cambados, recolleu esta tarde o premio como primeiro gañador do certame de poesía Camiño de Santiago por “As viaxes maiúsculas” O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu o acto celebrado en El Corte Inglés de Santiago de Compostela e sinalou que o novo galardón reflicte o que debe ser o Xacobeo 2021

Santiago de Compostela. Martes, 17 de decembro de 2019. “A súa brillante imaxinería poética” e a “innegable capacidade simbólica” da obra presentada por Domingo Tabuyo foron os dous principais aspectos que o xurado valorou á hora de outorgarlle o premio da primeira edición do certame poético Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e o patrocinio da Editorial Carena. Así o destacou Ulises Bértolo, secretario da institución e do xurado, b no transcurso do acto de entrega celebrado esta tarde en Santiago de Compostela. Bértolo puxo de manifesto a gran calidade dos 18 poemarios presentados a concurso, pero incidiu nos méritos de “As viaxes maiúsculas” e sinalou que nesta obra Domingo Tabuyo “convida ao lector a adentrarnos no cosmos xacobeo a través dunha escritura fondamente conceptual e suxestiva, que se serve con mestría do endecasílabo branco e o verso libre”.

A entrega de premios, celebrada nas instalación de El Corte Inglés, foi presidida polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez quen destacou a importancia de impulsar a creación literaria en xeral, pero especialmente, a de aqueles xéneros que moitas veces non reciben atención por parte do mercado, como é o caso da poesía. O representante autonómico explicou que comparte co autor premiado a súa formación académica e as súas inquedanzas de servizo público, aínda que con militancias políticas diferentes, e destacou que o título da súa obra, “As viaxes maiúsculas”, ten moito que ver coa finalidade coa que foi creada o galardón. Tamén destacou o traballo da Academia Xacobea e a colaboración que a institución mantén co seu departamento. Ademais, puxo este novo galardón como exemplo do que debe ser o Xacobeo 2021: “De todos, participativo, para todos e que chegue a todos os sitios. Como galegos debemos aproveitar a sorte de que cada “x” tempo poidamos celebrar un Ano Santo e reivindicarnos como pobo e como pais. Temos unha enorme responsabilidade como custodios de todos os valores que atesoura o Camiño”, engadiu o conselleiro.

Pola súa banda, o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, explicou que a convocatoria do premio non fai máis que dar resposta aos obxectivos estatutarios da institución de promocionar o fenómeno xacobeo e os seus valores no eido literario. Lembrou que o galardón de poesía segue a senda iniciada hai un ano co premio de novela Camiño de Santiago e terá continuidade no 2020 cun certame de ensaio. Tamén apuntou o feito de que en todos os casos se trata de convocatorias abertas á participación de orixinais en galego e castelán e que a publicación das obras premiadas tamén se fai nestes dous idiomas para chegar a un público máis amplo, mesmo no eido internacional. Palmou explicou que a relación do Camiño de Santiago coa literatura é prolífica e remóntase moitos séculos atrás no tempo, como demostran o Códice Calixtino ou as Cantigas de Santa María, pero que os últimos estudos do Consello da Cultura Galega alertan sobre a escasa presenza deste fenómeno na creación literaria galega. Este é precisamente o baleiro que a Academia Xacobea quere cubrir cos seus galardóns.

“Celebrar, recoñecer e premiar a un poeta nos tempos de prosaísmo que corren constitúe un gran acontecemento, en tanto en canto a poesía indaga no máis esencial da nosa identidade. A poesía é a voz da alma, a expresión máis profunda de entrega desinteresada, de amor e de fe na nosa especie. Os galegos sábeno moi ben recibindo o fermoso alento de Rosalía de Castro”, apuntou na súa intervención o responsable da editorial Carena, José Membrive tras congratularse pola numerosa presenza de público na entrega do premio e pola implicación das institucións cun xénero como é a poesía normalmente ninguneada. Ademais, subliñou a importancia de que a entrega do premio se celebre en Santiago de Compostela lembrando que a “lírica galaico-portuguesa constituíu a semente do humanismo que deu a luz o renacemento”, e destacou o feito que a primeira edición do galardón teña recaído nun autor galego. Membrive sinalou que Tabuyo “ofrece una lectura simbólica e máxica da nosa existencia como seres humanos e do noso deambular nunha época tan complexa como a que nos tocou vivir”.

O autor premiado tivo palabras de agradecemento para a Academia Xacobea e para todo os que contribuíron canda ela a “crear un novo espazo poético”. Tabuyo afirmou que “a poesía é o recurso e a linguaxe das cousas que non teñen voz, pero que teñen latexo, emoción e fondura” e tamén sinalou que “vivir é camiñar” como se pode ler nun dos versos da obra coa que acadou o galardón. O autor revelou que o seu vencello co Camiño de Santiago remóntase á súa infancia en Molinaseca, no Bierzo, ao carón da ruta cara a Compostela. Alí contemplou “o espectáculo de ver pasar a poucos metros, todo tipo de peregrinos cos máis diversos medios de transporte, ata con dromedarios”, e máis tarde el mesmo puido facer “tramos do camiño e diversas etapas soltas que axudaron a meternos máis nese panteísmo e simbolismo dun espazo espiritual, natural e/ou relixioso que fala de chegada, pero sobre todo fala da forza e da importancia de camiñar, de descubrir e de transcender”. Domingo Tabuyo, que tivo palabras de lembranza e agarimo para seu pai e seus avós, dixo estar “moi orgulloso” do seu poemario e ter gozado moito do proceso de escribilo polos valores e sentidos que atesoura en cada verso dos 38 poemas que compoñen esta obra dividida en dúas partes: “A lene suxestión” e “Rituais de tránsito”. “Sen a poesía, non sería posible. Ou sería máis difícil poder articular a linguaxe emotiva onde dar voz a todo o que somos, e a todos os que viven e camiñan en nós e ao noso lado”, engadiu antes de rematar a súa intervención sinalando que se non existira a poesía habería que inventala e que “afortunadamente o Camiño xa existe. Dende o século IX, e suma e segue. Con potencia, con relato e con misterio…sempre coa maxia dos nosos ollos da infancia… Mil primaveras máis para o Camiño Xacobeo e para un premio que hoxe tan ledamente celebramos”.

Sobre o autor premiado: Domingo Tabuyo Romero é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, profesor de Historia e Arte no IES Francisco Asorey de Cambados e ten sido deputado no Congreso dos Deputados durante dúas lexislaturas en representación do PSOE. Ademais de destacar pola súa implicación en numerosas actividades literarias e culturais, xa ten visto recoñecida con anterioridade a súa faceta literaria con diversos galardóns como o do Concello de Ourense (1997) polo poemario “Balsaín Blues” e o “Avelina Valladares”, que concede o Concello da Estrada, por “Nos tempos de Invernía” (1999). Tamén recibiu un accésit do Premio González Garcés, da Deputación da Coruña, por “Manual de urxencia e retornos” (1993), e ten publicado outros poemarios como “A Luz Secreta” (Colección Tambo da Deputación de Pontevedra, 2002), “Cadernos de París” e “A sombra horizontal do teu nome”, ademais de obras xuvenís e infantís (“A viaxe de Vionta”) e novelas (“Carmin” e “Svea Kött”).