Close

octubre 30, 2019

Agustín Dosil Maceira, José Fernández Lago e Isidro García Tato formalizan en Noia a súa incorporación á Academia Xacobea

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu o acto celebrado esta tarde no Coliseo Noela

Os novos membros da institución reivindicaron a vixencia do fenómeno das peregrinacións a a súa esencia espiritual

Noia. Xoves, 24 de outubro de 2019. O Coliseo Noela foi o escenario escollido pola Academia Xacobea para celebrar esta tarde o acto de incorporación á institución de tres novos Académicos de Número. José Fernández Lago, coengo lectoral da Catedral de Santiago de Compostela e exdirector do Instituto Teolóxico Compostelán; Agustín Dosil Maceira, membro da Real Academia da Ciencias Morais e Políticas e da Academia de Psicoloxía de España, e Isidro García Tato, científico titular do Centro Superior de Investigación Científicas e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, pronunciaron os seus discursos de ingreso no transcurso dun acto presidido polo Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e no que tamén tomaron a palabra o alcalde noiés, Santiago Freire, e tres representantes da Academia Xacobea: Jesús Palmou, presidente; Ulises Bértolo, secretario xeral, e Marcelino Agís, vicepresidente e encargado de dar resposta aos tres novos membros.

A institución con sede en Compostela volve así reforzar a súa estrutura incorporando a tres destacados representantes do mundo da ciencia, a investigación e o pensamento, como se puxo xa de manifesto nas intervencións desta tarde, na que cada un deles se aproximou ao fenómeno xacobeo desde ópticas diferentes, pero complementarias

Agustín Dosil fixo gala da súa condición de noiés para destacar os vencellos da súa vila natal coa tradición xacobea e o Camiño de Santiago e para reivindicar a importancia de fortalecer eses lazos. Así, lembrou que xa no século XVI se documentou á chegada por mar á Noia dun grupo de peregrinos nórdicos, que percorreron a vila acompañados polas autoridades locais para constatar a importancia do fenómeno xacobeo tiña xa e como se deixaba ver en hospitais, edificios e prazas. Dosil preguntouse polas razóns que animan a alguén para abandonar o seu ámbito de confort e iniciar unha viaxe “non exenta de dificultades e esforzos” e sinalou que segundo diversos estudos os motivos “espirituais, culturais e relixosos teñen un especial peso”. Concluiu a súa intervención relatando a súa propia experiencia persoal no Camiño e reclamando que Noia “volva a recobrar o esplendor e a forza dos séculos pasados ocupando o lugar que lle corresponde como Porus Apostoli”.

A intervención de Isidro García Tato desenvolveuse baixo o título de “A tradición Xacobea” e nela analizou a evolución do fenómeno da peregrinación a Compostela sinalando que foi medrando co paso dos séculos a pesares dos atrancos aos que tivo que facer fronte: “a intelectualización e a subxectivización da fe na escolástica medieval e a devotio moderna, o berro antixacobeo dos reformadores protestantes, o rexeitamento de toda tradición como superstición de filosofía da Ilustración, as guerras de relixión nos séculos XVI e XVII, as desamortizacións no século XIX…”. Tamén analizou como as melloras dos medios de comunicación fixeron que a viaxe a Santiago deixase de ser un sacrificio, atraendo a un novo tipo de viaxeiro, e como o traballo realizado por “persoas individuais e as institucións eclesiásticas e civís, xunto coa peregrinación a Santiago dos papas San Xoán Paulo II e Bieito XVI reactivaron a tradición xacobea alcanzando o seu punto culminante hoxe”. Por iso reivindicou a vixencia das palabras de Goethe, quen dixo que “Europa naceu na peregrinación a Compostela”, para sinalar que “a alma e a identidade de Europa están moi arraigadas no cristianismo, na tradición xacobea”. García Tato concluíu apuntando que “a cultura europea non podería sobrevivir á completa desaparición da fe cristiá”.

A vida documentada do Apóstolo Santiago e a súa familia ocupou parte do discurso de ingreso de José Fernández Lago, quen botou man dos Evanxeos para comentar as referencias que neles aparecen a Santiago, os seus pais, Zebedeo e Salomé, e o seu irmán Xoán. O cóengo explicou que Santiago ocupa un lugar preferente xunto a Pedro e Xoán no Evanxeo de San Lucas e preguntouse polo motivo de que, pese a iso, este último o omitise noutro dos seus textos, os Feitos dos Apóstolos. Ademais, como gran coñecedor da Catedral compostelá, Fernández Lago analizou a presenza do Apóstolo e a súa familia na iconografía do templo explicando que Zebedeo apenas está representado no santuario, pero non así Salomé e, especialmente Xoán. Do Apóstolo destacou que, ademais do propio sartego, a súa presenza é múltiple e variada, aparecendo non só “como o peregrino que anuncia o Evanxeo, se non tamén como cabaleiro, que defende aos seus”.

Na súa resposta aos novos Académicos de Número, Marcelino Agís sinalou que os tres “souberon unir aos seus moitos saberes científicos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, aqueloutra sabedoría que os gregos chamaban a phrónesis, ou sabedoría práctica da vida, sendo ademais tres exemplos de bonhomía”. Agís resumiu as traxectorias profesionais de Fernández Lago, Dosil Maceira e García Tato e pechou a súa intervención destacando que son “tres personalidades ilustres, ao mesmo tempo que tres brillantes investigadores e tres boas persoas”.

Tamen Jesús Palmou fixo fincapé nos méritos dos tres novos académicos, dos que sinalou que achegarán luz ao cumprimento dos fins e obxectivos da institución. O presidente da Academia Xacobea lembrou que o seu labor está centrado no “estudo, investigación, promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo, con especial atención aos principios e valores que se forxaron ao longo dos séculos no peregrinar a Santiago. Solidariedade, fraternidade, concordia, esforzo compartido, convivencia e  procura  dun ideal común. Valores e principios que teñen a raíz na mesma esencia do Camiño na actualidade: a espiritualidade e a universalidade”.