Close

mayo 22, 2019

A Academia Xacobea convoca o Primeiro Premio de Poesía Camiño de Santiago

O secretario Xeral de Política Lingüística, o presidente da entidade, e o director de Ediciones Carena presentaron hoxe en Compostela as bases do galardón

O certame estará dotado con 1.500 euros e a obra gañadora será publicada nunha edición bilingüe en galego e castelán

Santiago de Compostela. Mércores, 22 de maio de 2019. A Academia Xacobea volve centrar a súa mirada no eido literario para convocar o Primeiro Premio de Poesía Camiño de Santiago. Tras o éxito acadado o ano pasado co seu Primeiro Premio de Novela, a entidade presentou hoxe na librería compostelá Couceiro este novo galardón que estará dotado cun premio económico de 1.500 euros e que conta co patrocinio de Ediciones Carena e a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O responsable desta última institución, Valentín García, foi o encargado de presidir o acto no que tamén tomaron a palabra o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e o director de Edicións Carena, José Membrive.

Palmou explicou que a convocatoria deste novo galardón, que terá carácter bianual como o de Novela, enmárcase nun dos obxectivos fundacionais da entidade: dar presenza ao Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo na literatura. Ademais, mostrou o seu desexo de que este certame de poesía teña tan boa acollida como o de novela, que en apenas un mes de prazo logrou reunir “16 orixinais, algúns chegados mesmo desde o outro lado do Atlántico”.

“Despois do notable éxito da primeira convocatoria do Premio de Novela é agora o tempo para un xénero que está no propio ADN da literatura galega, da lingua galega, e do Camiño de Santiago”, explicou tamén Valentín García. O Secretario Xeral de Política Lingüística agradeceu o esforzo da Academia Xacobea “e a sensibilidade de ter posto en marcha xa dous premios desta entidade”. Tamén destacou o feito de que unha editorial catalá, como Edicións Carena “teña a sensibilidade de editar textos en galego” e destacou que “as linguas nunca son un problema”.

Pola súa banda, José Membrive, destacou que participar nesta convocatoria “é un soño” e que desde a súa editorial sempre tiveron un contacto moi profundo coa literatura galega. “A lírica galega foi o núcleo que configurou o espírito de Galicia e o Camiño de Santiago foi o núcleo da cultura europea”, sinalou o editor antes de reivindicar a plena vixencia da poesía como ferramenta para “reinventarse”. Ademais, destacou que o feito de que o galardón sexa bilingüe é algo “extraordinario” e convérteo nunha referencia non só literaria, senón cultural. “O galego pode aportar o seu lirismo ao español e o español pode proxectalo. As linguas apóianse, as linguas suman e este é o primeiro concurso internacional no que dúas linguas suman, non dividen”.

Os orixinais poderán ser presentados tanto en galego como en castelán e deberán ser remitidos entre hoxe e o 24 de agosto á Academia Xacobea (Pazo de San Roque, 2, 15781, Santiago de Compostela), tal como recollen as bases que xa se poden consultar nas páxinas web da entidade, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Edicións Carena. O anuncio do gañador ou gañadora do premio farase o 24 de agosto e e entrega do galardón e a presentación da obra xa publicada (nunha edición bilingüe en castelán e galego) terá lugar no mes de decembro destes ano.